
Non teñen nada que ver cos créditos anteriores. Nada. Os antigos medían a duración das clases impartidas polo profesor en cada materia. Cada un deles equivalía a dez horas lectivas.
Os novos créditos europeos valoran o tempo investido polo alumno para adquirir as competencias do programa de estudos. Cada un representa entre 25 e 30 horas de aprendizaxe. Inclúe non só a asistencia á aula, senón tamén a dedicación ao estudo, a realización de seminarios, resolución de exercicios, etc.
Novas Fórmulas
Os European Credit Transfer System (ECTS) expresan un auténtico cambio na metodoloxía da educación superior europea. Un modelo máis avanzado no que o alumno pasa da docencia por ensino, baseado na recepción de coñecementos, á docencia por aprendizaxe, formulada sobre desenvolvemento de competencias.
Este sistema demanda do profesorado unha formación que ensine a aprender, e esixirá dos estudantes unha maior responsabilidade na súa propia educación.
Novas fronteiras
Ademais, os créditos ECTS constitúen un verdadeiro pasaporte para transitar polas universidades europeas con plena seguridade. Son a moeda única que nos permite valorar os estudos superiores de Europa con criterios comúns. A pasarela que facilita a mobilidade dos estudantes polos distintos campus do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
Comparte:

Declaración de Bolonia