
No último cuarto do século XX foi tomando corpo o interese dos países europeos polo establecemento de sistemas que permitan garantir a calidade das ensinanzas que imparten as institucións de educación superior.
A Declaración de Boloña, asinada en xuño de 1999, dá un paso decisivo na implantación da cultura da calidade ao incluír entre os principios do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), a promoción da colaboración europea na garantía da calidade co obxectivo de deseñar criterios e metodoloxías comparables.
Os posteriores avances na garantía da calidade na construción do EEES, vanse producindo nas seguintes declaracións bianuais dos ministros europeos en Praga 2001, Berlín 2003, Bergen 2005 (onde se presentan os Standards and Guidelines for Quality Assurance in the European Higher education Area, elaborados por ENQA) e Londres (2007). A próxima reunión terá lugar en Leuven, en abril deste ano.
Os anteriores antecedentes cristalizaron en 2008 coa creación por ENQA, ESU, EUA e EURHASE da European Quality Asssurance Register for Higher Education (EQAR).
A garantía da calidade en España
No noso país, as actividades de avaliación institucional empezaron a desenvolverse nos anos noventa co Programa Experimental de Avaliación da Calidade da Universidade impulsado polo Consello de Universidades, ao que seguiu pouco despois o Proxecto Piloto da Unión Europea.
En 1995, o Consello de Universidades aproba o Programa de Avaliación Institucional da Calidade das Universidades que dá paso no mesmo ano ao Plan Nacional de Avaliación da Calidade das Universidades.
En 2001, ponse en marcha o II Plan de Calidade das Universidades (II PCU), un ano despois transfírese á Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA), que se acaba de crear.
O proceso de acreditación das novas titulacións
A Lei orgánica 4/2007 do 12 de abril, estableceu unha nova estrutura das ensinanzas co fin de achegalas ao Espazo Europeo de Educación Superior (Real Decreto 1393/2007 do 29 de outubro).
Este Real Decreto asigna a ANECA a competencia para establecer os procedementos, os protocolos e as guías para a verificación dos títulos oficiais, así como para avaliar as propostas de plans de estudo. A Axencia desenvolveu, para o efecto, un conxunto de actuacións para cumprir co establecido no Real Decreto.
Así, para poñer en marcha unha nova titulación as universidades, no uso da súa autonomía, deben deseñar os seus plans de estudos e envialos ao Consello de Universidades que verificará se a proposta se axusta aos protocolos, e enviará o plan de estudos á ANECA para que emita o informe de avaliación que comprobe o cumprimento dos criterios establecidos pola normativa vixente. O devandito informe ten carácter preceptivo e determinante.
Co informe favorable da ANECA, o Consello de Universidades emite a resolución positiva da verificación, que comunicará ao Ministerio de Ciencia e Innovación, á Universidade e á Comunidade Autónoma correspondente que será quen autorice a implantación da titulación.
O procedemento tamén considera a posibilidade de reclamación contra a resolución de verificación ante a presidencia do Consello de Universidades.
O proceso culmina cando o Ministerio envía a proposta ao Consello de Ministros para que se outorgue o carácter oficial ao título. A continuación procédese á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).
Comparte:

Declaración de Bolonia