Do plan antigo ao Plan de Boloña, con plenos dereitos

Se xa tes o teu título universitario por un plan anterior a Boloña, non debes preocuparte pola súa absoluta vixencia e validez. Calquera lexislación que aprobara ou aprobe o goberno para a construción do EEES non afectará en ningún caso aos efectos académicos ou profesionais desas titulacións.
Aínda así, pode que teñas interese en cursar novas ensinanzas ou ampliar os teus estudos superiores coa ampla oferta académica que está brindando o Proceso de Boloña. Nese caso, aquí tes unhas orientacións prácticas:

 

Acceso ao doutorado


Cunha licenciatura, arquitectura ou enxeñaría, podes acceder directamente ao período de investigación do doutorado se estás en posesión do Diploma de Estudos Avanzados ou alcanzaches a chamada suficiencia investigadora.


Se a túa titulación é unha diplomatura, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica, quedas sometido á regulación xeral de acceso ás ensinanzas de doutorado na súa fase formativa.

 

En todo caso, sempre podes acceder ás ensinanzas de doutorado na súa fase de investigación se estás en posesión dun título oficial de máster universitario.

 

Acceso ao máster universitario


Estar en posesión dun título universitario oficial español é máis que suficiente para acceder a un máster universitario.


Se tes unha licenciatura, arquitectura ou enxeñaría, tes a posibilidade de que che recoñezan créditos da túa titulación que xa non debas cursar no máster solicitado, sempre que a universidade entenda que se corresponden as competencias e os coñecementos adquiridos.


Se tes unha diplomatura, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica, cabe a posibilidade de que a universidade che esixa unha formación adicional que complete as túas competencias e os teus coñecementos para ser admitido no plan de estudos do máster socilidado.


Acceso a un grao universitario


Se o desexas, podes cursar un grao universitario. Nese caso, interésache saber que a universidade está obrigada a incluír previsións de recoñecemento e transferencia de créditos para titulados anteriores á reforma en todos os seus plans de estudo.


Se che formulan a necesidade de cursar máis créditos para alcanzar a titulación pretendida, iso non suporá en modo ningún menoscabo das túas competencias e atribucións profesionais do titulado.

 

Comparte: facebook meneame Live Google Yahoo reddit digg Del.icio.us