
Se a túa vocación é a de investigar, estás de parabén. A fundación do Espazo Europeo de Educación Superior entronca directamente co impulso ao Espazo Europeo de Investigación a través dos novos estudos de doutorado.
É unha instrución prioritaria das institucións europeas ás autoridades universitarias. Reclámaselles que "redobren os seus esforzos para integrar os programas de doutorado nas políticas e estratexias institucionais" e "desenvolvan itinerarios profesionais axeitados e ofrezan oportunidades aos seus doutorandos e investigadores noveis".
Tras esas palabras, está en xogo o grande obxectivo da Estratexia de Lisboa:
Europa debe aspirar a ser un ámbito competitivo e chegar a converterse na economía baseada no coñecemento máis dinámica do mundo, capaz de promover un desenvolvemento económico sostible que ofreza máis e mellores empregos e unha maior cohesión social.
Por iso, porque a universidade non pode deixar de promover o seu valor diferencial na xeración de coñecemento, esa conxugación única de docencia e investigación, o Proceso de Boloña prestou especial atención á reforma do terceiro ciclo.
Aquí tes as últimas indicacións formuladas no Comunicado de Londres (2007) para potenciar os estudos de doutorado:
• Reforma dos requisitos de acceso.
• Establecemento de procesos de supervisión e avaliación transparentes.
• Garantía de adquisición de destrezas transferibles por parte dos doutorandos.
• Fixación de cambios necesarios para mellorar a inserción laboral dos doutores.
• Mellorar o estatus, as perspectivas profesionais e o financiamento dos investigadores que inician as súas carreiras.
Tras o seminario de Salzburgo en 2005, os ministros de Educación europeos encargan á EUA o impulso da reforma doutoral. En 2007, a EUA constitúe o Consello para a Educación Doutoral, co fin de promover a colaboración estruturada entre Programas e Escolas de Doutorado en Europa nos termos recollidos polo Comunicado de Londres.
Comparte:

Declaración de Bolonia