Plan Antiguo

Este curso iniciáronse as novas titulacións adaptadas a Boloña e o proceso de extinción dos plans de estudo anteriores, que implica Boloña para ti como estudante co plan antigo?

 

Como lle afectan aos títulos actualmente en vigor o Proceso de Boloña?

Os reais decretos polos que se establezan os novos títulos de grao non poderán afectar aos efectos académicos ou profesionais dos títulos actualmente vixentes.

Podo continuar co meu plan antigo?

A extinción dos plans de estudos actualmente en vigor producirase, curso por curso, conforme se vaian implantando os novos plans de estudos elaborados segundo a nova normativa.

E se teño materias pendentes?

O temario das materias, a bibliografía correspondente, etc., debe aprobarse ao principio de cada curso, polo que antes de comezar o proceso de adaptación ao EEES xa se podía dar a situación de ter unha materia pendente que de súpeto se imparte ou avalía dun xeito diferente. Que unha materia vaia desaparecer ou cambiar debido ás diferenzas entre os antigos plans de estudos e os modernos non debe ser fonte de preocupación, posto que, unha vez extinguido cada curso, as universidades deberán garantir procedementos que posibiliten a superación do devandito curso polos estudantes nos dous cursos académicos seguintes.

Poden seguir cursándose segundos ciclos dos anteriores plans de estudo?

Ata o curso 2010/2011 as universidades poden continuar ofertando estudos de segundo ciclo como continuación de estudos de primeiro ciclo, pero todos eles desaparecerán no futuro e, en lugar de estudos de segundo ciclo, ofreceranse os másteres universitarios que permiten a especialización do graduado.

Cambiarán as condicións de permanencia, haberá un novo calendario?

Ambas as dúas cuestións poden cambiar segundo o decida a universidade en cuestión no marco da súa autonomía. Concretamente, moitas universidades están introducindo cambios no que respecta ao calendario, posto que o novo modelo parte dunha metodoloxía docente diferente e polo tanto pode ser máis útil outra repartición do tempo.

E se debo ou quero pasar a un grao ou un máster adaptado ao EEES?

Cando as universidades elaboran a proposta dun novo plan de estudos, deben incluír as necesarias previsións sobre os mecanismos de recoñecemento de créditos para os estudantes que estean cursando estudos acordes co sistema anterior.


Os posuidores de títulos universitarios oficiais obtidos conforme a anteriores sistemas de educación universitaria poderán ser admitidos nos novos programas oficiais de posgrao, que dan acceso aos títulos de máster e doutor.

Que teño que facer para acceder a un máster dende unha diplomatura?


Os que estean en posesión do título oficial de diplomado, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico poderán acceder ás ensinanzas oficiais de máster sen necesidade de requisito adicional ningún máis alá dos requisitos específicos e criterios de valoración de méritos que establezan as universidades. Isto implica, por exemplo, que no seu caso, seguirá sendo necesario cumprir con determinados requisitos de formación previa específica nalgunhas disciplinas.

E no caso do doutorado?


Para acceder ao programa de doutorado no seu período de formación existen as mesmas esixencias que no caso do máster, cando se trate de acceder ao programa de doutorado no seu período de investigación será necesario estar en posesión dun título oficial de máster universitario. Un avance na materia é que tamén será válido un título do mesmo nivel expedido por unha institución de educación superior do EEES e en caso de sistemas educativos alleos ao EEES, será posible sen necesidade da súa homologación, pero despois da comprobación de que o título acredita un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos españois de máster universitario e que faculta no país expedidor do título para o acceso a estudos de doutorado.

Así mesmo, prevese o acceso ao doutorado tras superar 60 créditos incluídos nun ou varios másteres universitarios, de acordo coa oferta da universidade ou cando se realicen estudos de grao dunha duración de 300 créditos.

Que teño que facer para adquirir o suplemento europeo ao título?


Actualmente só poden solicitar o Suplemento Europeo ao Título, naquelas universidades onde estea implantado, aqueles estudantes que obtiveran un título universitario de carácter oficial e validez en todo o territorio español con posterioridade a setembro de 2003.

 

Comparte: facebook meneame Live Google Yahoo reddit digg Del.icio.us